Xosé Alfredo Naz Fernández


Nado en 1972, exerce como profesor de Matemáticas nun IES de Vigo –cidade na que naceu–, aínda que con raizames chantados na Ribeira Sacra, de onde proceden os seus devanceiros.

A súa paixón pola lectura, tanto en formato novela coma en cómics, fixo que a súa imaxinación rebordase tentando plasmala en creacións literarias que acadarán o recoñecemento en diversos certames literarios. Tal é o caso de O sorriso de Hitler (1º premio no XI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos) que saíu do prelo en 2012, aínda que a súa primeira publicación foi a obra Círculo (1º premio no III Certame de Relato de Muller Matilde Bares), impresa en 2007 individualmente e no 2010 como recompilación baixo o título Póquer de dramas. Así mesmo, aparecen publicacións de relatos da súa autoría en diversas antoloxías de certames nos que foi galardoado, salientando entre eles: Narracións Breves e Poesía do Concello de Ames, Relatos Vigo-Histórico, Narracións Breves Manuel Murguía, Narracións Breves Modesto R. Figueiredo-Pedrón de Ouro, Relatos Curtos Os Viadutos, Narración Curta Ánxel Fole…

A estes galardóns súmase Gumes entre a néboa, que resultou gañadora do VI Concurso Balbino de Relatos, en 2021, e que naceu dos recordos desa xeración que deixaba a cidade para visitar a aldea e saborear eses inesquecibles momentos que quedaron latentes na memoria, entre acontecementos nos que linda o fantástico co real, como un día de mesta néboa na infancia, cerne primixenio deste relato, no que o queixume dun invisible carro na distancia deu lugar ao son que anunciaba unha inquietante chegada…

Gañador da VI edición do
Concurso Balbino de Relatos

Obra: Gumes entre a néboa