Obras premiadas


Queres formar parte da familia Balbinos?

Aquí che deixamos o conxunto de obras gañadoras ao longo destas edicións acompañadas dunha pequena reseña coas deliberacións do xurado para dotar a cada unha delas co máximo galardón de cada edición.

Ti podes entrar a formar parte desta familia literaria. Anímaste?

 

Loucine

Obra gañadora do VIII Concurso Balbino de Relatos.
Autora: Clara Martín

«Gran traballo na caracterización dos personaxes nunha historia que atrapa pola intriga e que é quen de reflectir, con notable habelencia, unha sinfonía de soidades na que todos os seres deste relato atopan o seu lugar no mundo».

Xurado 8ª edición Concurso Balbino de Relatos

A comuna de Valdonelle

Obra gañadora do VII Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Carlos Neira Suárez

«Capacidade para reflectir o complexo mundo das relacións interpersoais a través dunha ficción que propón a construción dunha sorte de comuna societaria no rural, coas tensións que isto desata e o que de experimento social espella».

Xurado 7ª edición Concurso Balbino de Relatos

Gumes entre a néboa

Obra gañadora do VI Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Xosé Alfredo Naz Fernández

«Suxestivo ganduxado de diversas historias que teñen como común denominador a figura emblemática do afiador. Os personaxes que aquí comparecen son un espello da nosa paisaxe e paisanaxe, que se configura como unha homenaxe ao noso universo telúrico, con intelixentes insercións de diferentes materiais da nosa mellor literatura de tradición oral, todo orquestrado nunha estrutura consistente, de implicacións cruzadas que se amosa como un perfecto mecano narrativo».

Xurado 6ª edición Concurso Balbino de Relatos

Bica de Montouto

Obra gañadora do V Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Pepe Peinó

«Forza telúrica dunha historia sobre o despoboamento rural e a desaparición dun mundo que esfarela e no que se moven uns personaxes cheos de matices que loitan pola supervivencia dos seus eidos e da memoria da vida que neles se garda. Ante a inminente desaparición da súa aldea, catro anciáns deciden unir forzas e crear unha pequena industria artesanal que do tempo que os une consiga afincar a esperanza da supervivencia da aldea. Fondamente lírica, chea de desavicións de grande sensorialidade, esta novela é o canto melancólico dun mundo que se vai pero que non se resiste a desaparecer sen nos ofrecer o máis fermoso canto de cisne antes de esvaecer».

Xurado 5ª edición Concurso Balbino de Relatos

B.S.O. Banda Sonora Orixinal

Obra gañadora do IV Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Pablo Nogueira

«Traballado da súa estrutura, con prosas que van enlazándose entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras”. Tamén salientou “a calidade e eficiencia da súa escrita, así como a intelixente integración no relato de abondosas referencias ao mundo musical e literario, todo peneirado nunha atmosfera de indubidable pegada cinematográfica».

Xurado 4ª edición Concurso Balbino de Relatos

Máis alá do río do esquecemento

Obra gañadora do III Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Ricardo Ferreiro Almeda

«Ofrece a recreación do mundo xenuíno do rural limego, polo que transitan personaxes de innegable atractivo que protagonizan historias ben diversas con finais decote sorprendentes. Escrito cunha estética depurada, sólida caracterización dos personaxes e habelencioso entretecido das tramas, este feixe de relatos salienta tamén pola acaída revisitación da mitoloxía e o lendario popular de noso».

Xurado 3ª edición Concurso Balbino de Relatos

De que falarán as árbores

Obra gañadora do II Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Ricardo Cid Paz

«O rural galego figura retratado dende unha óptica actual, na que deambulan os personaxes movidos pola forza dos sentimentos e o inevitable dos acontecementos. As quince historias que compoñen este volume ofrecen escenarios diferentes que converxen na intensidade das tramas propostas, así como na ductilidade dos rexistros idiomáticos empregados, na excelente caracterización dos personaxes e na viveza expresiva dos seus diálogos».

Xurado 2ª edición Concurso Balbino de Relatos

Camiños na sombra

Obra gañadora do I Concurso Balbino de Relatos.
Autor: Xian Lois Alcayde Dans

«Orixinalidade e modernidade dos seus relatos, onde o rural galego é ollado cunha visión plenamente actual. As quince historias amosan unha elaboración estética indubidable, cun pouso de lecturas e homenaxes a autores da nosa e doutras tradicións, influenciadas tamén polo universo cinematográfico e musical. Son, estes, relatos por veces duros, onde tamén comparece certa violencia irracional, protagonizados por personaxes moi ben perfilados e con finais sorprendentes e impactantes, que fan da súa lectura unha experiencia do máis estimulante».

Xurado 1ª edición Concurso Balbino de Relatos