Clara Martín


«Nacín entre dous países cunha lingua común e fun a última en chegar. Vivín en catro cidades, varias casas e un par de fogares. Teño unha gata en acollida temporal e son alérxica a unha chea de cousas, entre elas os gatos, aos que adoro.

Escribo dende que teño uso de razón pero a razón úsoa ben pouco, porque no meu mundo manda un órgano que latexa, por sorte. Escribir forma parte dese latexo, se paro morro, se para tamén.

Teño incontinencia emocional e un pésimo sentido da orientación polo que choro cando me perdo e iso que fai tempo que deixei de buscarme. Teño obsesión coas revistas pero non as leo, só as estrago, cortando, rachando, arrincando papeis, porque adoro crear mundos novos, cheos de todas as cores que ás veces me faltan.

Sempre vou co máis feble. Estaría sempre de viaxe. Cústame saír de casa. Falo moito cando estou nerviosa. Necesito espazo e apertas e, ademais de escribir, encántame vivir».


Cristalina López Rodríguez “Clara Martín” (Verín, 9/8/1968) é unha escritora en lingua galega e castelá.

Foi galardoada con distintos premios literarios: primeiro premio de narrativa da Romaría Etnográfica Raigame 2004 (Celanova-Ourense) co relato “ Ficarei en Lisboa”, primeiro premio no IV Certame de Relato Curto en galego convocado polo Concello de Mugardos-2006 (A Coruña) co relato “Verde herba verde” e primeiro premio no Certame de “Auga y Vida” de relato curto-2011 concedido por El Corte Inglés-Galicia con “Amara”.

Segundo premio no Airiños do Xunco-2005 (Lugo) e tamén no XIV Certame Literario de Piñor-2005 (Ourense) coas obras “Á sombra dá estatua” e “O bico de Xudas”.

Tamén foi finalista en certames internacionais e nacionais como o Certame de Relato curto Ábaco-2006 coa obra “Pienso palabras” e no VI Certame “Carmen Martín Gaite” de Relato Breve convocado pola Agrupación Casa da Cultura de Cerceda (Madrid)-2006 co relato “Las manos del alma”.

Mención honorífica no I Certame “Dora Vázquez” de Arteixo (A Coruña) no ano 2003 co relato curto “Os paraísos de Eva” e Accésit no Certame “Manuel Oreste” convocado polo Concello de Paradela (Lugo) co poemario “Sogas” en 2008.

Colaborou en libros colectivos como Sempre mar do Colectivo Burla Negra-2003 da Plataforma Nunca Máis e no libro coordinado por Antonino Nieto Imposible no comerse (en el volcán de los amores canallas) de Lastura Ediciones.

Así mesmo, ten distintas publicacións en páxinas web e no seu blogue persoal “Bicos con lingua”. En prensa publicou, entre outros, o relato “Tortellini rock” no apartado de Relatos de Verán de La Voz de Galicia no ano 2007.

No ámbito teatral exerceu como dramaturga para a compañía Sete lobos coa obra Os pecados do lobo representada no Auditorio de Ourense no ano 2006.

Tamén escribiu No esconderás un cadáver en el armario para a compañía madrileña Estamos en ello, representada en salas de Madrid e Ourense. Outra das súas obras, representada na sala La Escalera de Jacob en Madrid foi Olvidé decirte adiós… así que adiós sendo traducida ao galego co título Esquecín dicirche adeus… así que adeus e publicada por Edicións Fervenza.

Outras obras no seu haber son Estado de Alarma, caixa de autor formada por contos e con ilustracións fotográficas de Plácido L. Rodríguez; e De maza e canela, contos con sabor e cor, libro de contos escritos a partir de receitas da reposteira Teresa Fenollosa e coas ilustracións da artista Isabel Pintado.

Amais da escritura, destaca o seu traballo como colaxista, en concreto co colaxe analóxico ou manual centrando a súa obra na categoría de «femmage», estilo que utiliza materiais, obxectos e técnicas artesanais identificadas culturalmente coa muller. Mostra desta disciplica atópanse no libro Uterus siue uolua (Edicións Fervenza), con poemas de Xulio Pardo de Neyra e ilustrado con colaxes de Clara Martín.

Gañadora da VIII edición do
Concurso Balbino de Relatos

Obra: Loucine