Carlos Neira Suárez


Ferrolán nado nas Pontes de García Rodríguez, en voo rasante da cegoña proletaria, que fixo ata trece entregas na casa de Juanucha. Foi mariscador, pescador de baixura (estatura normal para antes dos dez anos), pichicoma de andar ao rapateo (beach comber) repartidor de leite e colchoeiro, todo iso antes de entrar con 15 anos no estaleiro ASTANO, nos seus departamentos administrativos.

Foi membro do Xurado de Empresa tras as eleccións do 75 —as chamadas Xuntas Sindicais do cambio antes da morte do ditador Franco— e, nunha segunda época, secretario do Comité de Empresa que tivo de afrontar os plans de eliminación do estaleiro (1982) ate o 85, expulsado sen anuencia e sen motivo entre tantos miles na mal chamada reconversión. Logo, aventura empresarial máis ben intencionada ca efectiva na que foi apoupiñando ate chegar á xubilación.

Escritor afeccionado dende moi neno, mantivo algunhas colaboracións xornalísticas, artigos en revistas ou boletíns gremiais, veciñais e culturais. Membro dalgunha asociación poética de base, como Nova Poesía Guitirica, gustou e practicou esa faceta versificadora para eventos festivos, necrolóxicas, panexíricos e discursos para-institucionais (esa fermosa aplicación da poesía e da narrativa que significan os textos para dedicar e para alzar as copas, as palabras para brindar).

Tamén a intensa actividade sindical e política requiriulle de textos analíticos, que case sempre adobiou con licenzas literarias. Foi concelleiro por PSG-EG, candidato en varias listas ao Congreso e ao Parlamento Galego, sempre no ámbito do galeguismo político.

Só despois da xubilación é que se presenta a premios e concursos, e só nos últimos anos é que dá en acadar algún. Reforzando o tópico, goza en escribir e goza o dobre cando hai quen valora o que escribe.

Gañador da VII edición do
Concurso Balbino de Relatos

Obra: A comuna de Valdonelle