Aberta a nova convocatoria do Concurso Balbino de Relatos 2024


BASES

1.- O Concurso Balbino de Relatos está aberto a todas as persoas de calquera nacionalidade e idade que presenten os seus traballos escritos en lingua galega e que terán como motivación temática o rural, o mar e a emigración. O relato ou serie de relatos con estas temáticas poden ser reais ou ficción.

2.- Os textos serán orixinais, inéditos e de autoría propia.

3.- Os textos terán unha extensión mínima de 100.000 caracteres con espazos e máxima de 200.000.

4.- Xeitos de envío dos orixinais:

-Envío por correo postal: presentaranse cinco copias dos orixinais en papel DIN A/4 e debidamente encadernadas. O texto levará un título e estará asinado cun lema. En sobre aparte e pechado levarán tamén por fóra o lema e título, dentro figurará o nome, apelidos, copia vixente do DNI, enderezo residencial, enderezo electrónico e teléfono do autor/a.

-Envío por correo electrónico: os que elixan esta opción deberán enviar o texto nun arquivo en formato .pdf e deberán evitar que o correo electrónico se identifique coa persoa. Tamén será imprescindible que envíen por correo ordinario e en sobre pechado os datos persoais.

En calquera modo de envío non levará ningún dato que identifique ao autor/a e deberá indicarse claramente que é para participar no Concurso Balbino de Relatos.

5.- O texto será enviado ao seguinte enderezo: Técnicas & Gramaxe, SL (Edicións Fervenza), rúa Trasdeza 14 – 36540 Silleda, Pontevedra ou ao enderezo electrónico: concursobalbino@gmail.com

6.- As persoas gañadoras do concurso en convocatorias anteriores poderán volver a presentarse pasados 10 anos dende a data do seu premio.

7.- O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio do mundo da literatura e da cultura galega.

8.- Establécese un único premio de 1.500 euros, que estará suxeito ás obrigas tributarias correspondentes.

9.- A obra premiada será publicada por Edicións Fervenza.

10.- Técnicas & Gramaxe, SL e Edicións Fervenza resérvanse os dereitos de edición sobre o texto premiado en todas as linguas, sen límite de exemplares publicados nin edicións.

11.- Os traballos que non resultasen premiados poderán ser recollidos polos respectivos autores mediante unha solicitude por escrito, nun período de 2 meses despois de fallado o premio, e poderán ser utilizados para calquera fin do autor/a.

12.- A data de presentación dos traballos remata o venres 28 de xuño de 2024.

13.- A entrega do premio realizarase durante o último trimestre do ano 2024.

14.- A participación no Concurso Balbino supón a aceptación destas bases.